Tras a orde do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) coñecida este martes, que obriga ao Concello de Ponteareas a demoler o hipermercado Eroski situado na parroquia de Angoares, o alcalde da vila ordenou aos servizos técnicos e xurídicos municipais que puxeran en marcha os trámites para dar cumprimento ao mandato legal.
A día de hoxe o Concello está preto de contratar a redacción do proxecto de demolición e, unha vez redactado, deberá licitar as obras a executar. De feito, a administración local aclarou este mércores que o executivo sempre mantivo activos as xestións para levar a cabo o derrubo porque o seu recurso xudicial “non suspendía a obriga de tramitar a demolición”.
O goberno local confesou estar “especialmente preocupado” pois de levarse a cabo a demolición, a administración municipal podería enfrontarse a reclamacións económicas de enorme contía, xa que no ano 2002 o goberno presidido por Nava Castro concedeu a licenza de obra que despois, no ano 2008, foi anulada polos tribunais tras constatarse a ilegalidade da licenza concedida.
“A única posibilidade de evitar a demolición e os posíbeis prexuízos económicos para o Concello pasa pola aprobación do PXOM, actualmente en mans da Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva”, explica o Concello. O goberno local agarda que en breve a administración autonómica dea o visto bo ao PXOM e “evitar así un gravísimo problema que outros gobernos anteriores crearon e que nós temos agora que xestionar e resolver”.
En Ponteareas existen outras instalacións industriais e comerciais, en zonas como o polígono da Lomba, sobre as que pesan tamén ordes administrativas e xudiciais de demolición que só se poderán evitar a través da aprobación do plan de urbanismo.