A Xunta de Galicia autorizou ao Concello de Ponteareas a facilitar unha listaxe de persoas voluntarias para asistir ao hospital Álvaro Cunqueiro a realizar un cribado de Covid-19. As probas van dar prioridade a algúns sectores como o persoal do comercio, a hostalaría, a Praza de Abastos e o propio consistorio, xa que todas elas traballan maioritariamente na atención ao público e contactan a diario cun amplo número de persoas.
Cristina Fernández Davila, alcaldesa en funcións, informou de que se seguirán elaborando listaxes doutros sectores para realizar as PCR nas vindeiras semanas. Neste sentido, a Concellería de Promoción Económica que dirixe Eva Gil facilita un formulario para que as traballadoras e os traballadores poidan anotarse antes do luns 28 de decembro. A continuación, o Concello transmitirá estes datos ao Sergas para que contacten con cada persoa e a convoquen para pasar a PCR. Así mesmo, o Goberno local pon a disposición de comercio e hostalaría un enderezo electrónico (promocioneconomica@ponteareas.gal) e un teléfono de contacto (673 855 422) para poder solucionar calquera dúbida.
Segundo recolle o informe publicado este martes 22 de decembro pola Consellería de Sanidade, Ponteareas suma 40 contaxios novos nos últimos 14 días, o que implica unha incidencia acumulada de 174 casos por cada 100.000 habitantes tendo en conta as derradeiras dúas semanas. Este dato é inferior á media da área sanitaria de Vigo (188).
O comité clínico decidiu este luns rebaixar as restricións de nivel máximo a nivel medio-alto. Como novidade, isto permitirá á hostalaría abrir o interior dos establecemento cunha ocupación máxima do 30%. No exterior estará autorizada a metade do aforo. Os locais deberán pechar ás 17.00 horas e as reunións non poderán superar as catro persoas. Estas medidas entrarán en vigor na medianoite do martes ao mércores.