Segundo datos oficiais publicados polo Servizo Galego de Saúde, Ponteareas atópase en nivel de alerta vermella ao superar nos últimos sete días os 21 novos casos positivos de Covid-19, confirmados por PCR. Malia que a Xunta de Galicia non facilita o número concreto de persoas contaxiadas na localidade, o Concello emitiu un bando con novas restricións para “contribuír a pór freo á escalada de contaxios”.
Entre esas decisións está a cancelación das visitas á residencia de maiores Santa Ana ou a suspensión de todas as actividades e eventos socioculturais en instalacións públicas, así como en centros culturais, con excepción da Biblioteca Municipal, que permanecerá aberta para o préstamo de libros. Esta medida implica tamén a suspensión dos bingos sociais.
Do mesmo xeito, cancélanse as actividades deportivas en equipo que se practican nas instalacións municipais, agás competicións federadas, que se realizarán sen presenza de público. Ademais, limítanse os postos nas feiras e mercados a produtos agroalimentarios.
De cara ás visitas ao cemiterio municipal, o Concello pide respectar ao máximo o protocolo difundido pola Consellería de Sanidade, que establece un máximo de catro persoas conviventes por grupo e unha permanencia máxima de 30 minutos. O horario de apertura da instalación será de 09.00 a 19.00 horas.
Para organizar a entrada e saída de persoas e o tránsito de vehículos, accederase pola estrada provincial cara As Neves e sairase cara a rúa Trovador Xoán García de Guillade. Non se celebrarán oficios relixiosos no propio cemiterio para evitar aglomeracións.