Protección Civil de Ponteareas xa conta cunha nova tenda de campaña para os seus operativos despois de que o Concello a solicitara a través da subvención de material en concorrencia competitiva a concellos de menos de 50.000 habitantes da Xunta de Galicia. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, destaca que a cesión da tenda «é unha boa nova para Protección Civil e para todo Ponteareas», e aproveita para agradecer «o gran traballo das persoas voluntarias pola seguridade da nosa vila».
A rexedora tamén informa que “no Concello xa solicitamos a Emerxencias da Xunta un vehículo para poder distribuír ás persoas voluntarias nos distintos servizos que en moitas ocasións se producen de xeito paralelo”. “Confiamos en que a Xunta valore o número tan elevado de intervencións, o aumento de voluntarios dos últimos anos e as accións cruzadas que son atendidas en Ponteareas e noutros concellos da comarca”, conclúe a alcaldesa.
Dende a agrupación de voluntarios agradecen a cesión desta tenda que “nos axudará cos máis de 1.500 operativos preventivos de emerxencias que realizamos ao longo do ano, tanto en Ponteareas como na comarca”, e destacan que “o apoio material e económico do Concello fai que a agrupación creza cada ano”.