O cadro de persoal de Talleres Ganomagoga en Ponteareas e Mos está a desenvolver un calendario de mobilizacións e de paros parciais para denunciar os incumprimentos no pago de salarios e reclamar o abono inmediato das débedas pendentes.
A empresa, adicada a calderería industrial, iniciou os contactos coa representación sindical para poñer en marcha un procedemento de ERTE que aínda non arrincou.
Segundo explican dende o comité de empresa, as medidas de presión comezaron onte cun paro parcial entre as 13:00 e as 17:00 horas, tempo no que os traballadores aproveitaron para desenvolver concentracións diante das instalacións da compañía en Ponteareas.
Está previsto que os paros e as protestas continúen no mesmo horario este venres 24, tamén en Ponteareas, e o luns 27 e os días 1 e 3 de marzo, estas últimas en lugares aínda por determinar.
Con estas mobilizacións, o cadro de persoal, integrado por entre 120 e 140 traballadores, quere denunciar os incumprimentos no pago dos salarios e reclamar o abono do 20 por cento do soldo de xaneiro que a compañía aínda non lles ingresou.
Os problemas coas nóminas remóntanse a decembro, cando Ganomagoga deixoulles a deber entre un 10 e un 15 por cento do salario e as horas
extras.
En xaneiro satisfixo esta débeda pero pagou menos da metade da nómina, cantidade que aumentou semanas despois até o 80 por cento, polo que na actualidade a débeda é do 20 por cento do soldo.
A empresa xustifica o que está a acontecer aludindo á delicada situación económica que atravesa, xa que os beneficios rexistrados nos anos 2020 e 2021 deron paso a perdas en 2022, supostamente polo aumento dos custes da electricidade e das materias primas, o que levou á compañía a estudar a posibilidade de presentar un ERTE.