O desbloqueo das negociacións permitiu suspender a folga «de xeito transitorio» despois de catro días, aínda que podería reanudarse no futuro «se non se acada un acordo definitivo». Durante o paro o persoal denunciou a vulneración ao dereito á folga por parte do alcalde saínte mediante uns servizos mínimos abusivos, mantendo unha actitude “totalmente irresponsábel” cara ás demandas laborais e sen preocuparlle as consecuencias sobre a veciñanza ás portas das festas patronais da vila.
O pacto acadado, que desde a CIG-Servizos se valora dun xeito positivo, contempla a suba salarial para o que resta de 2015 fronte á pretensión da empresa de conxelación, deixando aberto o proceso negociador “até que se acade acordo total dos obxectivos sociais e económicos». Alén disto, tamén se aumenta en seis euros o plus de tóxicos. Os puntos reivindicativos que deron pé á folga, como acadar en catro anos os 1000 euros de salario base (fronte os 706,57 que había até o acordo) ou dous días máis de descanso ao mes, continúan, por tanto, pendentes.
A Federación de Servizos pon en valor a firme vontade dos traballadores por levar adiante as súas demandas, logrando nestes catro días de folga desbloquear a situación trala ruptura de negociacións coa empresa nun contexto de total boicote por parte do rexedor en funcións. Neste sentido, califican a actitude de Salvador Solla (PP) de “totalmente irresponsábel” tanto pola postura amosada durante o conflito como polas declaracións verquidas despois da súa derrota eleitoral sobre posíbeis reclamacións económicas a FCC por parte do Concello “unicamente co obxectivo de dinamitar as negociacións”.
Lembran, ademais, que o pasado decembro a alcaldía obrigou á concesionaria a mudar contentores e parque móbil, incrementando 6000 euros por riba do canon mensual “sen importarlle as prioridades das traballadores/as”. Todo isto nun Concello co 50% dos ingresos do Estado embargados en base a incumprimentos da actual corporación de goberno.
No entanto, o persoal só ten palabras de agradecemento de cara á solidariedade amosada por parte da veciñanza. Agardan, tamén, que a nova corporación actúe “de xeito completamente diferente” e exista “un compromiso firme” para solucionar definitivamente a situación de precariedade do persoal da recollida do lixo, pendente da reapertura de negociacións despois deste “punto e seguido”.
Para finalizar, lembran que esta suspensión constitúe unicamente unha «saída transitoria» e que voltarán á folga «se non se chega a un acordo definitivo».