A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de mellora da mobilidade peonil e reforzo do firme na estrada provincial EP-2703 entre os puntos quilométricos 11,300 e 13,500, un tramo de máis de dous quilómetros que discorre entre os concellos de Pazos de Borbén e Ponteareas. Esta actuación, enmarcada no modelo de mobilidade segura da institución provincial, foi financiada cun orzamento de 580.169 euros.
Os traballos realizados consistiron no reforzo do firme e a mellora da mobilidade peonil. Dentro deste ámbito de actuación leváronse a cabo accións de limpeza, roce e demolición. Ademais, adaptouse a drenaxe á actuación proxectada e déuselle continuidade ao abastecemento en 240 metros do percorrido.
Tamén se realizaron movementos de terra e estruturas de contención necesarias para ampliar a sección así como a redistribución de espazos na calzada e a execución de disipadores de velocidade. Por último, creáronse espazos de convivencia e reinstaláronse os sinais do viario adaptándoos á nova actuación.