O Rock in Río Tea volve este mes de xullo a Ponteareas coma sempre foi deseñado: sen cadeiras, sen distancias, sen límites e cun cartel inmellorable encabezado por Ángel Stanich. O festival, que conta coa financiación do Concello de Ponteareas, celebrará este 22 e 23 de xullo o seu décimo aniversario. “Con música de alto nivel e con toda a emoción contida nas últimas edición por mor da pandemia. Queremos recuperar o espírito musical cun cartel no que todos serán primeiros pratos cargados de ritmo”, explica o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.
Ángel Stanich será unha das actuacións estrelas destes dous días de festival. O cántabro aterra en Ponteareas o sábado 23 co seu último traballo «Polvo De Battiato», un conxunto de 10 temas inéditos que nos descobren a un Stanich aínda máis indómito, explorando paraxes inusuais por un territorio quizais máis intimista.
Tamén estará presente ese día no Rock in Río Tea Grande Amore, o proxecto persoal do lucense Nuno, que mestura rock and roll, pop e techno dos oitenta. Os e as presentes no Feira Vella tamén poderán gozar do espírito punk, a sensibilidade pop e o rock’n roll máis aguerrido da man de Los Fusiles, que acaban de lanzar o seu agardado segundo LP.
Esa mesma xornada o Rock in Río Tea 2022 contará tamén cos portugueses Best Youth, a banda formada pola voz de Catarina Salinas e a música de Ed Rocha Gonçalves, cun son en loita entre o indie rock e o dream pop. E cos granadinos Sibelclan, gañadores do Concurso de Bandas do Rock in Río Tea, que xa cruzaron a Península ata tres ocasións para facer desfrutar ao público da súa potente música, e que nesta décima edición volverán achegarnos o seu rock con sons heavys e á vez melódico, presidido por unha voz ao alcance de moi poucos.
Como non podería ser doutro xeito, volve un dos grupos máis importantes do rap en galego: os ponteareáns SonDaRúa. Nesta ocasión o publico poderá desfrutar deles a xornada anterior, o 22 de xullo. Ese mesmo día tampouco podería faltar unha das bandas máis laureadas da historia de Ponteareas: O Caimán do Río Tea. Os seus concertos son pura enerxía, cun estilo entre o rock e o punk e a súa canción «Estou na lavadora» marcou a xeracións e xeracións de cativos do Xabarín Club. Xunto aos alumnos e alumnas do CDM (Rock School) e SonDaRúa reunirán, na xornada do venres, ao pasado, presente e ao futuro da musica ponteareá.
O festival terá lugar no parque da Feira Vella con apertura de portas tanto o venres 22 como o sábado 23 ás 20 horas e inicio dos concertos ás 21.00 horas. A entrada será de balde.