Ponteareas ten moito que ensinar. O Concello quere poñer en valor os espazos de grande riqueza patrimonial do municipio organizando durante este mes dúas visitas turísticas, unha aos monumentos funerarios do cemiterio municipal, e outra ao Castro de Troña. Estas saídas son de balde e forman parte do programa “Coñece Ponteareas”, promovido pola concellaría de Promoción Económica, e a de Cultura.
A visita aos monumentos funerarios do cemiterio municipal será o próximo mércores 11 de agosto ás 19.00 horas. No Concello explican que o obxectivo desta saída cultural é dobre, por un lado dar a coñecer as figuras senlleiras de Ponteareas que tiveron a súa última morada no camposanto local e, por outro, divulgar entre o público a riqueza histórica e patrimonial que encerra este conxunto funerario. Os cemiterios son museos ao aire libre e, neste caso, o camposanto de Ponteareas é un lugar de historia viva que permite coñecer as súas personaxes máis importantes, así como, aos artistas do municipio que materializaron a súa arte en mausoleos, panteón, e lápidas.
As persoas interesadas en asistir á visita ao cemiterio municipal deben inscribirse na oficina de turismo, en turismo@ponteareas.es ou no 986 660 765. O prazo abriu onte.
A visita ao Castro de Troña será a o próximo 21 de agosto ás 11.00 horas. Este espazo é unha das xoias patrimoniais de Ponteareas. De grandes dimensións, e un dos castros máis importantes do país, estivo ocupado durante aproximadamente nove séculos e os seus habitantes especializáronse na explotación de recursos primarios (campo, gañado e pesca), pero tamén na minería do ferro, material no que os ferreiros funden por vez primeira a maior parte das ferramentas e das armas dos galaicos. A explotación do ouro e do estaño que, neste territorio, tiña lugar nas ribeiras dos ríos, completaba a economía deste pobo prerromano.
As inscricións para esta visita abren o 14 de agosto, e poderán realizarse da mesma maneira que as do cemiterio municipal.