A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva sinalou que “grazas a esta liña 1 do Plan Concellos as vilas e pobos da nosa provincia poden levar a cabo investimentos que permiten dotar de infraestruturas, en moitas ocasións básicas, para garantir a calidade de vida das veciñas e veciños dos concellos da nosa provincia. No caso concreto de Salvaterra, permitirá poñer en marcha un espazo para o uso e goce das nenas e nenos de Teans”.
Silva tamén aproveitou para recordar que este ano “o Plan Concellos destinará a Salvaterra de Miño 718.678,80 €, é dicir, un 13,33% máis que no ano 2016 cando se destinou ó concello 634.146,66 €, un 47% máis de achegas que o ano anterior”. A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén engadiu que “en total o goberno provincial fixo un investimento na vila de preto dun millón e medio de €, conseguindo mellorar así a calidade de vida das veciñas e veciños de Salvaterra e impulsando que a vila teña maiores equipamentos e infraestruturas”.
Ata o momento a Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar dúas concesións, no marco da liña 1 do Plan Concellos 2017, para que os municipios de Barro, Mos e Salvaterra de Miño poidan levar a cabo investimentos nos seus núcleos de poboación por valor de máis de 332.926,30 €. A liña 1 do Plan Concellos 2017 destinará ao longo do ano un total de 25.750.000 €, o 62,5% do total do Plan, ós municipios da provincia de Pontevedra.