Nesta xuntanza tamén se ratificou que as empresas que se decanten pola PLISAN poderán acceder ao solo en dereito de superficie, nas mesmas condicións que nos parques da Xunta, con adxudicación por 30 anos, prorrogables por outros 30, e cun canon anual do 1,5% do prezo de venda nos dous primeiros anos, podendo solicitarse un ano de carencia inicial; o 2,5% nos dous anos seguintes; e o 3,5% a partir do quinto ano.
Ademais, decidiuse iniciar a creación dunha entidade de xestión para o futuro mantemento das instalacións da plataforma loxística.
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, indicou que en canto aos traballos nestes momentos está rematada a obra dos sistemas xerais. Ademais, precisou que a actuación, cun investimento de 11 millóns de euros, supuxo a construción do viario, o alumeado e as conducións necesarias para os sistemas de abastecemento, saneamento, electricidade, gas e telecomunicacións, que dará servizo á totalidade das empresas que se instalen nas parcelas das áreas da PLISAN.
En canto á construción da estación depuradora de augas residuais, foi adxudicada conxuntamente proxecto e obra, por importe de máis de tres millóns de euros. Nestes momentos, estase a redactar o proxecto e a previsión é executar a obra no ano 2018.
A conselleira sinalou que paralelamente séguese avanzado coa tramitación administrativa da estación de tratamento de auga potable, xa que hoxe se autorizou o inicio da contratación das obras, que correrán a cargo do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Deste xeito, en decembro publicarase xa a licitación para a súa execución ao longo de 2018, e cun investimento próximo aos 6,3 millóns de euros.
No encontro tamén se aprobou a licitación da urbanización da zona loxístico-empresarial, que se encargará de desenvolver o Consorcio Zona Franca de Vigo. Actualmente está en tramitación a aprobación técnica do proxecto para urbanizar 400.000 metros cadrados de solo, uns traballos que suporán unha achega de máis de 12 millóns de euros. Ao igual que a potabilizadora, a previsión é que se inicie a contratación dos traballos da zona loxístico-empresarial en decembro, para levalos a cabo en 2018.