Recentemente, o colectivo ecoloxista recibiu un escrito da Xefatura Territorial da Consellaría de Sanidade no que facía mención a un informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil no que se poñía de manifesto a existencia de verteduras de augas residuais a 350 metros augas arriba da zona de baño, o que pode supoñer un perigo obxectivo para os bañistas.
O escrito indicaba adicionalmente que “o Concello de Salvaterra de Miño deberá sinalizar a zona como non apta para o baño, mentres non realicen as xestións oportunas para que os vertidos dos núcleos situados augas arriba incorporen sistemas de desinfección aos tratamentos de depuración das súas augas residuais”.
Esta información fixo saltar a alarma na asociación, e mais cando os veciños da zona do Cordeiro lles aseguraron que o propio consistorio está collendo auga do río para o abastecemento por medio dun bombeo que a envía ao deposito do monte do Castelo.
Así, Lazoiro acaba de dirixirse ao Concello de Salvaterra, Consellaría de Sanidade e Confederación Hidrográfica Miño Sil para que se garanta a salubridade da auga de consumo no concello de Salvaterra e se procedan a efectuar as obras necesarias para rematar cos vertidos de augas residuais ao río Tea na zona do Cordeiro.