Na reunión tamén participaron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, e o presidente da Cámara Municipal de Monçao, António Barbosa.
De acordo co traballo técnico previo que se vén desenvolvendo en ambos os dous lados da fronteira, a Xunta e o Goberno luso fixaron este luns unha folla de ruta para acometer a necesaria mellora da ponte internacional, que nos vindeiros meses cumprirá 25 anos e rexistra cada día o paso de máis de 9.000 vehículos.
O convenio que tramitarán o Goberno galego e Infraestruturas de Portugal permitirá acometer obras de reforma estrutural na ponte por un importe de case 700.000 euros, que financiarán ao 50% ambas as dúas administracións. Paralelamente, comezará a traballarse na redacción do proxecto construtivo para ampliar a estrutura e dotala dun carril bici.
Esta ponte, recentemente bautizada como Ponte Joâo Verde e Amador Saavedra, en honor aos poetas das dúas beiras do Miño que escribiron sobre a unión das vilas, celebrará as súas vodas de prata en marzo de 2020. Na actualidade, os veciños de Monçao e Salvaterra comparten servizos, espazos de lecer, infraestruturas e tamén as vantaxes funcionais de ser unha pequena eurocidade.