Ao longo da fin de semana do 20 ao 22 de outubro, dentro da exposición “A Nosa Memoria”, adicada á memoria histórica de Salvaterra, máis de 500 veciños e veciñas puideron recordar unha parte esquecida da nosa historia.
A apertura de portas tivo lugar o venres 20 ás 19:30 horas e xa nos primeiros momentos foron decenas de persoas ás que foron até as Covas de Dona Urraca para ver as fotografías e documentos da época.
Na exposición, dentro das preto de 60 fotografías, podían consultarse listaxes de persoas represaliadas ou asasinadas de Salvaterra, algo que causou un gran impacto entre os visitantes ao descoñecer o gran número elevado que había.
O domingo 23 tivo lugar un acto de homenaxe no que interviñeron Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Paz Antón, historiador, investigador e Fernando Abreu, que amenizou a xornada coa súa música.
Xesús Alonso Montero leu a carta que José Domínguez González, tenente de alcalde Salvaterra, escribira a súa namorada horas antes de ser fusilado polo que foi unha intervención moi emotiva. Ademais, Xosé Ramón Paz Antón fixo un repaso pola historia do agrarismo en Salvaterra e na contorna, e Fernando Abreu tocou varias pezas entre as intervencións.