Os visitantes do parque público A Canuda, en Salvaterra de Miño, poden gozar desde este xoves dun dos puzzles máis grandes do mundo, que está exposto nas aulas do recinto. Con 33.600 pezas, atópase agora mesmo entre os cinco de maior tamaño. ‘Vida Salvaxe’, tal e como se chama o puzzle, está exposto tras ser cedido temporalmente por Mónica Cabaleiro Álvarez, veciña da vila e natural da parroquia de Leirado.
Mónica comezou a montalo o 6 de abril de 2020 e rematouno en marzo deste ano. Sen dúbida, o confinamento supuxo unha dedicación enorme, xa que aproveitaba todas as horas de sol para, peza a peza, darlle forma a este xigante. De case un ano que lle levou rematalo, Mónica fixo a metade do puzzle en dous meses, baixando a intensidade unha vez que se levantou o confinamento para continuar traballando pouco a pouco ata por fin rematalo.
O puzzle mide 1,77 metros de alto e 5,70 metros de ancho e pesa case 20 quilos. É o segundo máis grande do mundo dunha soa imaxe, que foi deseñada en exclusiva por un ilustrador, feito a medida e a escala soamente para este deseño.
Mónica cede temporalmente “moi orgullosa” o seu traballo para que toda a xente, grandes e cativos, poidan contemplalo. Ao mesmo tempo, adianta que se está a preparar para facer o anterior a este en tamaño, con 24.000 pezas, para despois pasar ao máis grande do mundo que hai agora mesmo e que conta con 42.000 pezas.