A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de reposición de firme na estrada provincial 4006 Ponteareas-As Neves, ao seu paso por estes dous concellos e por Salvaterra. A actuación fora adxudicada por 568.387,09 euros e está enmarcada no modelo de mobilidade segura do goberno provincial.
Neste senso, a actuación tiña por obxecto mellorar o firme deste viario, que ten unha lonxitude total de 12,1 quilómetros e amais de comunicar os concellos de Ponteareas, Salvaterra e As Neves, serve de enlace tamén coa A-52, de xeito que ten un tráfico intenso. Así, a intensidade media de circulación nesta estrada no ano 2018 fora de 3.399 vehículos ao día no treito comprendido entre Ponteareas e a A-52, e de 3.568 no que se refire ao tramo entre a autovía e As Neves.
Máis polo miúdo, os traballos realizados consistiron no fresado e reposición do firme en varios treitos da estrada e na execución de microaglomerado en frío noutros. No primeiro caso, actuouse nunha superficie de 49.425 metros cadrados, para a que se utilizaron 5.800 toneladas de formigón bituminoso e 290 toneladas de betume asfáltico, mentres que o microaglomerado en frío se dispuxo en 48.300 metros cadrados da estrada. A actuación completouse coa renovación da sinalización horizontal en toda a EP-4006.
A execución desta obra na EP4006 coordinouse co desenvolvemento doutras actuacións coas que coincidiu no tempo, en concreto a instalación de pasos elevados de peóns nesta estrada e a mellora de zonas de calmado de tráfico, neste caso enmarcada no Plan Móvese.