A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, vén de reunirse coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para presentarlle dous proxectos estratéxicos para o municipio. Por un lado, unha idea “madura”, que se leva tramitando dende varios anos en diversos organismos e que ten “unha gran importancia” no ámbito medioambiental como é a pasarela de acceso a Illa Fillaboa, que segundo o Concello podería encaixar nos novos Fondos Europeos de Recuperación.
A Illa Fillaboa conta con máis de 100.000 metros cadrados. É a única illa de titularidade pública no río Miño e está dentro da Rede Natura 2000. Nestes momentos estanse a levar diferentes accións para poñela en valor e abrila ao público a través de visitas programadas en barco. Coa construción desta pasarela, daríase un paso máis e faríase totalmente accesible ao público este entorno. Ademais do “valor didáctico e pedagóxico” que se lle quere dar a través do seu Centro de Interpretación, tamén se proveería aos pescadores dun aceso seguro aos emprazamentos nos que se desenvolve a súa actividade.
Trataríase dunha estrutura peonil que uniría a beira norte do río Miño e a Illa Fillaboa, unha ponte colgante con atirantamento e un trazado de 122 metros dende o borde do camiño de aceso (inicio da rampla norte) ata que a rampla sur toma unha dirección perpendicular para o descenso sobre a illa. En total, con acesos, estaríamos a falar dunha lonxitude de 163,5 metros.
Por outra banda, a alcaldesa de Salvaterra presentou tamén unha memoria que se enmarca dentro do proxecto da recuperación do recinto amurallado. Neste caso, trátase do remate da reforma das rúas interiores, un proxecto que contempla a humanización, o soterramento de liñas e a restauración do empedrado, co fin de seguir avanzando na posta en valor do patrimonio histórico cultural.