Durante o acto de nomeamento de novos cofrades da confraría do viño do Condado de Tea e Espumosos, Nava Castro e Ignacio López-Chaves valoraron iniciativas turísticas como estas festas á hora de atraer cada vez a máis visitantes. Tamén recordaron o compromiso da Xunta de Galicia co enoturismo, a través de iniciativas como a sinalización das rutas dos viños e a posta en marcha dun novo Plan de Enogastronomía.
“Porque queremos afondar no especial vínculo do viño co resto de elementos diferenciadores do noso turismo, polo que coordinaremos as accións que nese eido se leven a cabo no sector alimentario, cultural ou mesmo académico”, explicou Nava Castro referíndose ao importante papel que os viños e a súa cultura teñen na Estratexia do turismo de Galicia 2020, “porque outorgan calidade e valor engadido á nosa oferta”.
Novo centro de interpretación do viño
Do mesmo xeito, fixo mención ao novo centro de interpretación do viño cuxa posta en marcha se aprobou o pasado mes de agosto e, cun investimento de 300.000 euros, se situará no casco urbano de Salvaterra do Miño, para converterse, como explicou Nava Castro “nun novo e interesante recurso turístico para os viaxeiros que nos visitan”.
A directora de Turismo e o delegado territorial da Xunta en Vigo animaron a continuar traballando para potenciar os recursos vitivinícolas galegos, que especializan e diversifican a oferta e desestacionalizan a demanda.