O Concello de Salvaterra de Miño, aproveitando o peche do parque por mor da pandemia e co afán de continuar coas melloras das infraestruturas que se prestan, vén de empezar as obras de restauración do parque infantil da Canuda por un importe total de 48.336 euros.
O obxecto deste proxecto é dotar, máis se cabe, a zona de ocio infantil de mecanismos de seguridade aos seus xogos deteriorados polo paso do tempo, coa restauración e reparación de todos os xogos e a instalación de dous novos: unha pirámide de cordas de 2,50 metros de altura e unha tirolina de madeira. Cómpre destacar que o Parque de A Canuda ten ao redor de 300.000 visitas cada ano, cun atractivo singular para os máis cativos no seu espazo de xogo infantil.
Este espazo público é un referente do ocio para a comarca e a provincia de Pontevedra pola súa situación, á beira do Miño, e pola súa extensa e variada oferta de ocio, unida aos máis de 30 quilómetros de sendas, ao Espazo Termal Lúdico, o Recinto Amurallado e o Museo da Ciencia do Viño.
Debido ao paso do tempo e as diferentes inundacións que ten soportado esta zona de xogos dende a súa inauguración no ano 2007, facíase necesaria unha obra de mellora que abarcara a toda a zona, tanto na restauración de toda a zona como coa instalación de novos xogos para aumentar a variedade temática.
Desta maneira, cando a Covid-19 o permita, o Parque de A Canuda abrirá as súas portas enchendo de ledicia aos nenos e nenas que gozarán novamente dun espazo saudable e lúdico referente na comarca.