O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, expresa os desexos da provincia para o novo ano nun vídeo no que escribe a carta para os Reis Magos, unha carta na que pide «atención e recoñecemento para os concellos», «experiencias 100 % Rías Baixas para os que decidan visitarnos» e «menos muros e máis pontes que unan persoas e ideas». A carta remata cunha mensaxe do presidente Luis López: «entre todos faremos do 2025 un ano extraordinario».
Luis López pide na súa carta aos Reis Magos, «ilusión» para os máis pequenos, «tempo para os maiores», «que as familias gocen de mesas cheas de ledicia e boas conversas» e «unha boa dose de paciencia para os cuñados que escoitan a outros cuñados».
«Os concellos merecen atención e recoñecemento para o seu labor diario», lembra López, quen tamén subliña que a provincia «o merece todo». «Sempre nos da o mellor que ten», engade.
«Moito ánimo para percorrer cada recuncho dos 61 concellos da provincia. Oxalá vos poidades deter en cada un deles para descubrir que vivimos nun lugar único, o mellor do mundo», remata a misiva do presidente provincial.
Bases do +Provincia 2025
Por outra banda, a Deputación publicou este xoves no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) as bases do +Provincia 2025, o plan de obras e servizos de competencia municipal, dotado con 48,2 millóns de euros para os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia. Desde mañá, 3 de xaneiro, os concellos terán tres meses para presentar solicitudes.
O plan, elaborado conforme aos principios de reforzo da capacidade inversora, maior autonomía local e atención aos retos comúns de futuro, reparte o crédito de acordo con criterios obxectivos e, por segundo ano consecutivo, introduce o reto demográfico como parámetro para dito reparto, co obxectivo de minorar a fenda de poboación que afecta principalmente aos municipios rurais da provincia. Como novidade, o +Provincia admite este ano a posibilidade de financiar investimentos de carácter plurianual, co obxectivo do goberno provincial de seguir tendendo pontes de colaboración cos concellos para sustentar o labor municipal e facilitar ao tempo a execución de investimentos estratéxicos que lle brindan un servizo esencial á veciñanza.
Os 48,2 millóns de euros do Plan distribuiranse entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia a través de catro liñas. A primeira delas, dotada con 33,74 millóns de euros vai destinada a investimentos; a segunda, con 4 millóns, céntrase no gasto corrente dos concellos; a terceira, de 9,25 millóns, para a activación do emprego e a cuarta, que se estreou o pasado 2024, dotada con 1,2 millóns, para proxectos transformadores relacionados coa mobilidade en zonas rurais e urbanas.
Para facilitar a xestión dos recursos, o Plan +Provincia permite flexibilizar o traspaso de crédito entre liñas, de tal forma que poderá traspasarse o 100% das liñas 2, 3 e 4 á liña 1; ata o 60% da liña 3 á liña 2; e entre o 30% e con carácter extraordinario ata o 50% da liña 1 á liña 2 de acordo cos requisitos establecidos nas bases publicadas este mércores no Boletín Oficial da Provincia, e nas que se poden consultar todos os detalles e criterios de repartición.