A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e os concelleiros con dedicación exclusiva, Baldomero Lorenzo e Sara Cebreiro, doarán un 30 por cento do seu soldo de abril para a loita contra o Covid-19, sumándose así á medida anunciada polo Goberno autonómico e que se aplican tamén o presidente Alberto Núñez Feijóo e os conselleiros da Xunta de Galicia.
O resto de edís do equipo de Goberno local, o tenente alcalde Camilo Augusto, Alberto Méndez, Leo Costas, Begoña Toucedo e Gonzalo Alonso renuncian ás súas retribucións por asistencias a plenos e comisións do mes de marzo e os que puideran chegar a celebrarse en abril.
No caso do Concello de Mos, a rexedora local mosense e os edís pasan a ingresar a porcentaxe da súa retribución mensual na conta bancaria da administración local para afrontar os gastos extraordinarios xerados pola crise sanitaria do coronavirus no municipio. Xa que a xestión desta crise no ámbito local está a xerar diversos gastos extras ás arcas municipais “que queremos contribuír a sufragar aportando unha porcentaxe do noso salario”, explica Nidia Arévalo.
Ademais, Arévalo declarou que esta medida é tamén “un xesto de solidariedade cos cidadáns mosenses que estes días están a ver diminuídos os seus ingresos, de gratitude coa veciñanza que está a colaborar voluntariamente, e na medida das súas posibilidades, a xestionar esta crise o mellor posible a nivel local; ás empresas que tamén están a prestar apoio e axuda… en definitiva, á gran cadea humana solidaria que nestes intres está a aportar o que pode e a axudar como pode; para que saiban que non están sos, que os seus representantes políticos están tamén ao seu carón e que xuntos sairemos”.