Unha reforma integral adaptada ao modelo de mobilidade segura e sustentable da Deputación de Pontevedra rematará co abandono de décadas da estrada provincial Mos-Puxeiros. Trátase dun ambicioso proxecto que acometerá a actuación en catro fases e que hoxe presentou o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, á alcaldesa Nidia Arévalo, nunha xuntanza de traballo que se desenvolveu nun ambiente de entendemento e cooperación institucional.
Deste xeito, a Deputación acometerá unha reforma moi importante e esperada que afectará ás catro parroquias polas que descorre a estrada provincial EP-2061, Dornelas, Mos, Tameiga e Torroso, nun tramo de 5,6 quilómetros de trazado que agora serán adaptados ao novo modelo de mobilidade do século XXI da institución provincial. Ambas as dúas institucións asinarán un convenio para cada fase con calendario e financiación.
A Deputación iniciará a primeira fase polo tramo que coincide co Camiño de Santiago, con moita presenza peonil, cumprindo o acordo da Mesa Provincial do Camiño e co plantexamento do estudo técnico encargado pola institución a principios deste ano. De feito, Agís informou que a actuación nesta primeira fase contempla a construción dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho dignificando así a ruta xacobea na contorna da senda do río Louro, a igrexa de Santa Baia e o Pazo de Mos. Para este tramo, de 1,1 Km, xa se está coa toma de medicións e iniciada a redacción do proxecto e, posteriormente, será o Concello quen poña a disposición os terreos. En canto ás seguintes fases, unha vez rematada a primeira, a actuación corresponderá á zona de Dornelas e os seguintes tramos serán os de Tameiga e Torroso.
O responsable de Infraestruturas subliñou que estamos diante dunha actuación que demostra o compromiso da Deputación a prol dun novo modelo de mobilidade segura, “no que o noso centro son as persoas”. Todo o deseño prevé a mellora do firme, o ensanche das beiravías e tamén a construción de tramos de senda peonil nunha ou nas dúas marxes en función das características de cada tramo. A maiores introdúcense elementos de seguridade viaria para garantir a permeabilidade por parte dos residentes, tendo en conta que nesta estrada hai unha intensidade media diaria de 3.000 vehículos e unha importante presencia de tráfico pesado. O deputado subliñou a calidade desta actuación e mesmo engadiu que a veciñanza de Tameiga, Dornelos, Torroso e Mos vai beneficiarse dunha mellora que vai repercutir de forma moi importante na súa calidade de vida.
Nos últimos cinco anos, a Deputación xa realizou obras de mellora da sinalización, instalación de pavimento de alta adherencia e pasos de peóns elevados na EP-2061, todas elas enmarcadas dentro do plan provincial Móvese, coa conseguinte redución da sinistralidade nun 65%.