O Concello de Mos comezou a entrega dos aparatos medidores de CO2 a todos os negocios de hostalería existentes no municipio. Un total de 75 locais recibirán entre o mércores e o xoves o seu aparello grazas á colaboración, ao 50%, entre a administración local e a empresa mosense RodaVigo.
A alcaldesa, Nidia Arévalo, e o director xeral da compañía, Nazario Correa, achegáronse este mércores pola mañá ata dous dos establecementos máis emblemáticos do municipio, o restaurante Esteban en Sanguiñeda e a tapería Lano en San Rafael, para facerlles entrega dos seus equipos a Esteban Cidanes e Lano Casal.
Arévalo aproveitou para “agradecerlle a RodaVigo en nome do Concello a colaboración aportando a metado do custe dos medidores de CO2 para todos os negocios de hostalería da vila e axudarnos e axudalos así a que se axusten ao Plan de Hostalería Segura de Galicia que esixe garantir a calidade do aire no local”.
“A hostalería precisa nestes intres máis apoio que nunca por atoparse nunha tesitura enormemente delicada, de xeito que estamos en constante busca de posibles vías de colaboración asumibles desde o Concello e esta é una delas”, engadiu a rexedora local, que desexou “moito ánimo e moita forza” aos empresarios “para continuar remontando na súa actividade profesional”.
Coa obrigación de implantar medidores de CO2 para controlar a calidade do aire nos establecementos, e ante as dificultades de atopar estes dispositivos en cadeas de electrodomésticos locais, os propietarios lánzanse de inmediato a internet, algo que xa non terán que facer neste caso os hostaleiros mosenses. RodaVigo é distribuidor pioneiro neste material e grazas a esta empresa o Concello de Mos convértese tamén en municipio pioneiro en obsequiar aos seus hostaleiros con esta nova tecnoloxía obrigatoria para os restaurantes a partir do vindeiro venres 23 de abril.
Esta mesma compañía é a que a pasada primavera lle doou ao Concello de Mos 2.000 máscaras infantís FPP2 para repartir entre nenos e nenas mosenses de 3 a 14 anos de idade. O seu director xeral, Nazario Correa, agradeceu ao Concello de Mos “que aceptara esta proposta co fin de ofrecer unha axuda no Plan de Hostalería Segura de Galicia”. “Nestes tempos tan difíciles de pandemia é necesario que as empresas e as institucións políticas poidan chegar a acordos que supoñan un beneficio social. Somos conscientes das dificultades económicas e loxísticas que supón para a hostalería de Mos adquirir os medidores de CO2. Cando propuxemos facilitar a distribución e asumir os custos entre as dúas partes, aceptaron de inmediato e puxeron todas as facilidades posibles”, relata.