«En momentos tan duros e de incerteza como os que estamos a vivir, cómpre que as administracións e os Corpos e Forzas de Seguridade potencien o seu lado humano, sensible e empático, especialmente co sector da poboación que máis está a achacar as circunstancias de encerro, os nosos cativos».
Así anunciaba este martes o Concello de Mos a nova iniciativa posta en marcha pola Policía Local para felicitar a domicilio os cumpleanos dos nenos do municipio. «A meirande parte dos pequenos non comprenden a situación de confinamento e xorden reaccións de frustación, tristura, enfados, rabietas…», explica o Concello nun comunicado. Por iso, a Policía tivo a idea de volcarse nos máis pequenos e facerlles que o día a día sexa o máis ameno posible.
Para elo os axentes locais de Mos iniciaron este mesmo luns unha iniciativa moi emotiva á par que divertida e innovadora: acudir ao domicilio dun neno que se atopaba de aniversario para felicitalo coas luces e sirenas do seu coche patrulla. A acción produciuse ás 20.00 horas da tarde e, neste caso, o pequeno cumpría 3 anos, e acudiuse a felicitalo a petición da súa nai.
«A partir de hoxe calquera familia mosense con nenos de ata 10 anos de idade que cumpran anos poden sumarse a esta iniciativa da Policía Local de Mos. Os axentes realizarán as felicitacións dentro das súas labores de patrullaxe diarias», anuncia o Concello.
Dado que a poboación infantil de Mos nese rango de idades non é tan extensa, e aproveitando que as patrullas locais mosenses atópanse todo o día na rúa, os axentes da Policía mosense decidiron poñer en marcha esta iniciativa. Os pais e nais mosenses que queiran solicitar que a Policía Local pase a felicitar ao seu fillo no seu aniversario poden facelo escribindo ao enderezo de correo electrónico policia@concellomos.es especificando o nome do cativo, a dirección do seu domicilio, un número de teléfono de contacto e a data do aniversario.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, aproveitou para darlle as grazas á Policía Local «por estar día tras día nas rúas, para protexernos e axudarnos en todo o que está nas súas mans. Polo seu exemplar labor nestes duros momentos de crise e o seu interese e empatía para tentar arrincar sorrisos infantís durante intres especialmente complicados e incomprensibles para os pequenos». A rexedora local tamén lle agradeceu «ás familias dos pequenos que nos fagan partícipes da celebración dos cumpreanos dos seus fillos».