As actividades impulsadas pola Deputación de Pontevedra na loita pola igualdade e contra a violencia de xénero non se deteñen por mor da pandemia. O programa ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ comezou a súa sexta edición adaptándose ás restricións sanitarias cun acto celebrado no Auditorio de Mos e transmitido en directo a través das webs da Deputación e do Concello. A peza ‘Pulso’, a cargo da artista Paula Sanmartín foi a protagonista dando voz ao terceiro sexo (persoas que non encaixan nos sexos masculino ou feminino) e á loita contra a violencia institucionalizada.
A deputada de Igualdade, Victoria Alonso, acompañada da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asistiu á representación, celebrada no Auditorio e sen asistencia de público. O alumnado do IES de Mos, que o ano pasado acolleu nas instalacións do instituto o paso de ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’, ten programada unha actividade pedagóxica para mañá venres, a partir do visionado da peza.
“Mulleres en acción. Violencia Zero naceu para mobilizar conciencias, así que non para aínda que a Covid-19 estea entre todos nós”, afirmou contundente Victoria Alonso. A deputada sinalou a necesidade de continuar co programa que leva a igualdade por toda a provincia facendo fincapé en que “esta loita non se pode frear, especialmente nas actuais circunstancias, nas que moitas mulleres se viron obrigadas a estar moito máis tempo na casa cos seus presuntos agresores”. Citando o exemplo de Paula Sanmartín, Alonso quixo pór de relevo que “as mulleres podemos ser todo o que queiramos” e que “é necesario concienciar a sociedade para comprender a importancia de plantar cara ás violencias machistas e erradicar así esta lacra intrínseca da nosa sociedade”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Mos amosou o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra e á artista, por poder gozar hoxe do programa; e tamén a súa satisfacción, subliñando o feito de contar hoxe “cunha alcaldesa muller, unha deputada muller, unha conselleira muller e unha presidenta da Deputación muller”. “Aínda nos queda un longo camiño por percorrer”, afirmou animando á mocidade á loita.
‘Pulso’ é a terceira das catro representacións que compoñen ‘Desvío’, unha peza de vocación contemporánea na que a autora fai unha viaxe desde 1920 ata 2020; percorrendo fitos tan importantes como o primeiro movemento feminista. Tira de ironía e utiliza as voces de Gila ou dona Rogelia para dobrar a Rock Hudson e Doris Day. Trátase dunha actuación ambientada nas décadas dos 50 e 60 na que a posta en escena cobra o máximo protagonismo e se citan moitas referencias para traballar nas temáticas que a protagonizan de forma lúdica e pormenorizada, sen recorrer ao emprego de personaxes. Paula Sanmartín ironiza co “Soño Americano” e o mesmísimo Superman. Coa énfase na potencialidade da voz humana (a técnica da ‘spoken word’) e apoiándose en proxeccións de vídeo-collage, a artista tomou o pulso a un problema enraizado na nosa sociedade co ánimo de suscitar preguntas.
‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Nun momento no que non se pode tolerar un paso atrás nesta loita, este programa vólvese unha actuación máis urxente e necesaria se cabe para constituír un apoio real ás creadoras e unha aposta pola sensibilización. Para o que resta de 2021 ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ contará con dúas actuacións, dúas intervencións murais, catro accións de danza contemporánea, seis accións escénicas, cinco musicais e unha poética.