O Partido Popular é tamén a formación que ten máis maiorías absolutas, 22, fronte ás 10 do Partido Socialista. Son as de Sanxenxo, A Estrada, Marín, Vilanova de Arousa, Lalín, Rodeiro, Dozón, Covelo, Mondariz Balneario, Crecente, Arbo, Salvaterra de Miño, Valga, Moraña, Portas, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Soutomaior, Mos, Oia e Pazos de Borbén.
A esas 22 maiorías absolutas suma os pactos de goberno en Pontecesures e o goberno en minoría de Meaño. “Traballaremos arreo en todos estes municipios, e alí onde nos toca estar na oposición, en moitos casos porque se xuntaron os perdedores, vaise traballar se cadra con máis forza”, sinalou Rueda.
O presidente provincial asistiu esta mañá á constitución do Concello de Lalín, onde Xosé Crespo recuperou a Alcaldía para o Partido Popular. “Crespo é un exemplo de superación. De feito, pode servir de exemplo para moitos candidatos e candidatas do Partido Popular que aínda gañando as eleccións van estar catro anos na oposición. Crespo é a demostración de que se pode volver gobernar a pesar de non conseguir a alcaldía”.