Respecto das obras da A-55, Nidia Arévalo, solicitoulle a Urrecho a súa reanudación nunha data inmediata, xa que o de Mos trátase do Concello máis afectado por esta infraestrutura viaria, tanto polos sinistros entre vehículos que diariamente se producen na autovía e que son asistidos cando é necesario polo Servizo Municipal de Emerxencias e pola Policía Local, como polos accesos ao barrio de San Eleuterio en Tameiga, cuxa situación empeorou incluso respecto de antes do inicio da obra, véndose aínda máis deterioradas a iluminación e a sinalización horizontal nesta zona. Estas obras de mellora contemplan a acometida dun acceso directo dende a autovía a San Eleuterio.
Arévalo logrou o compromiso de Jorge Urrecho a este respecto de que este mesmo mes de marzo retomaríanse os traballos na A-55 e aproveitou a reunión para lembrarlle a imperiosa necesidade de que unha vez por todas se contrate a obra para a construción da pasarela peonil en Amieirolongo, un proxecto que comezou a camiñar no ano 2014 e aínda non se viu materializado. Esta pasarela é de vital importancia, pois pola zona transitan a pé a diario numerosos viandantes, moitos deles veciños e veciñas, pero tamén numerosos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago Portugués.
Por último, a alcaldesa de Mos lembroulle a Urrecho o proxecto de glorietas na N-550 no tramo O Porriño-Redondela, facendo fincapé na que está previsto acometer no termo municipal mosense, concretamente na parroquia de Louredo á altura da gasolineira de Os Valos. Trátase dunha obra crucial para facilitar os xiros e cambios de sentido de vehículos e optimizar a seguridade viaria nesta estrada nacional.