En calquera caso, para coñecer os resultados definitivos estímase que haberá que esperar aproximadamente un mes, polo que a comisión volverá reunirse o próximo 3 de abril. De feito, os traballos sobre o terreo continúan a día de hoxe e a empresa encargada de realizar as catas confirmou que seguirá uns días máis coas sondaxes e a recollida de mostras.
Neste sentido e a petición dun dos asistentes, tamén se acordou realizar prospeccións nun par de puntos concretos que non estaban na planificación inicial pero que pertencen ás parroquias de Sanguiñeda e Pereiras, as dúas zonas nas que se focalizan os traballos ante a sospeita de que podería haber restos de lindano.
A previsión é que na próxima xuntanza da comisión de seguimento se estea xa en disposición de presentar os resultados de todas as analíticas realizadas no Concello de Mos e as primeiras conclusións do estudo final co que se pretende determinar se existe ou non presencia de lindano.
A comisión de seguimento da posible contaminación por lindano de Mos quedou oficialmente constituída o pasado 7 de febreiro e este martes celebrou a súa segunda reunión. A esta xuntanza asistiron representantes de varias asociacións de veciños, membros de todos os grupos políticos da corporación municipal, da empresa que está a realizar a toma de mostras e da propia Consellería de Medio Ambiente.