As novas instalacións responden á adxudicación dun importante número de compoñentes dos novos modelos de PSA, como é o caso do Peugeot 2008, o C4 e o novo Opel Corsa. “Deste xeito, PSA absorberá –despois desta adxudicación- o 60% da produción de Benteler”, sinalou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que visitou a planta este mércores.
Así mesmo, o responsable do Executivo autonómico valorou que Benteler optase por deseñar esta nova fábrica seguindo os preceptos da Industria 4.0, convertendo esta planta no centro insignia do grupo en España, coas últimas tecnoloxías dixitais e onde toda a cadea de subministración estará automatizada.
Así, entre estas tecnoloxías destacan a aplicación de técnicas Big Data e de intelixencia artificial en toda a cadea de valor, o despregamento global da internet das cousas no 100% da planta, a xestión vertical –dentro da fábrica- e horizontal –con provedores e clientes- do proceso produtivo completo, o mantemento preditivo das máquinas e o uso da impresión en 3D para o deseño de ferramentas e consumibles.
Pola súa banda, Feijóo aseverou que a Xunta seguirá colaborando co sector da automoción en xeral e con esta compañía, apostando pola competitividade. “Traballando conxuntamente nas necesidades de formación e nos proxectos de innovación, coa FP Dual a través do IES Politécnico de Vigo, co concello de Mos para a formación de persoas desempregadas e a través das unidades formativas e do proxecto Fiber 4.0, presentado por Benteler á terceira edición de Fábrica Intelixente”, abundou.
Manifestación da CIG en favor da automoción
Por outra banda, máis de medio cento de delegados da CIG participaron este mércores na mobilización convocada pola Federación de Industria no marco da campaña que desenvolve en defensa do sector da automoción e do emprego. Nesta ocasión o lugar escollido para desenvolver a protesta foi o Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares, onde representantes sindicais e traballadores percorreron en manifestación a distancia entre as empresas Denso, Benteler e Lear.
A marcha, na que participaron os secretarios xeral e comarcal da CIG, Paulo Carril e Alberto Gonçalves, ademais dos responsábeis nacional e comarcal da federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas e Xulio Fernández, arrincou dende as instalacións de Denso pasadas as 13:00 horas e rematou unha hora e cuarto despois con concentracións ás portas de Benteler e Lear.
Polo camiño berráronse consignas como “Emprego digno na automoción”, “Non á deslocalización”, “Sen industria non hai futuro” ou “Non á precarización” e aproveitouse para repartir entre os traballadores que entraban e saían das quendas panfletos informativos coas principais propostas da CIG para afrontar o futuro do sector galego do automóbil ante a transformación que está a experimentar como consecuencia da aplicación de novas tecnoloxías e da crise dos motores diésel derivada da aprobación da lei de cambio climático transición enerxética.