Ao abeiro dun convenio asinado o pasado 20 de maio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Mos, as obras de mellora supoñen un investimento de preto de 45.000 euros.
Os traballos consisten nunha rehabilitación superficial do firme nunha lonxitude total do viario de 713 metros, especialmente no noiro de enlace coa A-55 e, dita actuación, abarca un tramo duns 41 metros da rúa Rans, que comunica coa autovía A-55 nos seus dos extremos. Coma obras complementarias inclúense a ordenación do citado noiro e a sinalización horizontal e vertical. O prazo de execución dos traballos é de 3 semanas.
O viario presenta desgaste da capa de rodadura, falta de capacidade estrutural, gretas na superficie do pavimento e deformacións no perfil transversal por afundimento o longo das rodadas, polo que é necesario demoler o muro existente que non se atopa en condicións, polo que se define unha nova tipoloxía de muro de gravidade de bloques de pedra, máis acorde co entorno cunha altura aproximada de 3 metros e una lonxitude total de 41 m.
Así mesmo, hai que demoler a beirarrúa existente e parte do firme para aparcamento para que se sanee o trasdós do muro con material axeitado e debidamente compactado, inclúese tamén a reposición de firmes, pavimentos, postes de electricidade e iluminación, así como a sinalización horizontal e vertical.
A Consellería de Medio Ambiente leva a cabo a contratación, execución e dirección das obras e, pola súa parte, o Concello de Mos, puxo á disposición os terreos necesarios para realizar a intervención; foi o encargado de redactar os documentos técnicos que definiron as obras que se van executar e, unha vez finalizadas estas, será o responsable da súa explotación e conservación.
Este acordo inclúese no marco do Plan Hurbe, que ten como principal finalidade promover a humanización das vilas e cidades galegas, dotándoas dos equipamentos precisos para un maior benestar dos seus veciños.