O convenio foi asinado no Concello de Mos polo presidente da CHMS, Francisco Marín, e pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. O obxectivo do proxecto é definir as actuacións necesarias para a ampliación e mellora da ruta fluvial do río Louro, con criterios ambientais e de accesibilidade, valorizando o patrimonio natural e cultural da zona para o goce de veciños/as e visitantes.
En concreto, e dentro das actuacións programadas, proxéctanse dous novos tramos de senda, os cales estarán conectados entre si por itinerarios naturais. O primeiro tramo, de 622 m de lonxitude, parte do Camiño de Lagoal e finaliza onde discorre un sendeiro existente. Este primeiro tramo sitúase fóra do DPH e mellora o acceso ao Muíño Novo e ao Muiño do Lagoal. A uns 150 m deste primeiro tramo, debido á gran pendente do terreo, deseñouse unha adecuación ambiental do carreiro existente, mediante a execución de banzos con materiais naturais, como rollizos de madeira e xabre estabilizado, así como elementos de apoio consistentes en postes de madeira e cordas de agarre.
Como alternativa a este tramo máis difícil, proxectouse un ramal de unión cun camiño existente, máis afastado do río, que é máis accesible para as persoas de mobilidade reducida. O segundo tramo, de 150 m, parte do sendeiro existente e permitirá pasear preto do río e chegar á contorna do Muíño Branco, onde a servidume próxima ao río permite o tránsito ao Camiño de Noveleda.
O proxecto prevé, ademais, a execución de plantacións de especies vexetais compatibles cos valores naturais da contorna. Os traballos tamén incluirán o desbroce e limpeza do só do entorno respectando o bosque de ribera e especies locais e eliminando especies invasoras, mellorando o contorno. Acometeranse así mesmo solucións de drenaxe para resolver a saída das augas e mellora da sinalización e posta en valor dos elementos patrimoniais abandonados.
O investimento previsto é de 210.000 euros, que será sufragado ao 50% entre ambas Administracións, e o prazo de execución estímase en 4 meses.
As obras levan un procedemento de licitación do que se encarga directamente a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Organismo que, en base aos seus propios criterios técnicos, ambientais e xurídicos, aprobou o proxecto de ampliación do sendeiro presentado polo Concello e redactado en base aos devanditos criterios.
Os obxectivos da actuación son dar continuidade á senda fluvial actual de 3 km, entre o Camiño da Gata e o Camiño de Noveleda. O novo tramo de senda fluvial facilita a accesibilidade peonil dende o Camiño de Noveleda ata o Camiño Lagoal nunha lonxitude dun 1 km.
As condicións da actuación marcadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil esixiron deseñar unha senda fluvial fóra do Dominio Público Hidráulico.
Expropiacións
Para a acometida deste proxecto de ampliación do Sendeiro do Louro a administración local mosense ten que recurrir ao procedemento expropiatorio, proceso que se iniciará co acordo plenario na primeira sesión ordinaria de 2018, que se celebrará este mesmo mes de xaneiro.
Levarase a aprobación incial ao Pleno da Corporación Municipal o proxecto de expropiación no que se incluirán as parcelas afectadas, os metros afectados de cada parcela, os titulares das mesmas e a valoración económica dos metros cadrados a expropiar. Dito acordo plenario estará en exposición pública durante 20 días e lle será notificado individualmente aos propietarios.
A continuación procederase á aprobación definitiva e por último sinatura por parte dos propietarios da acta de ocupación, tras a que se fará efectivo o acto de ocupación das parcelas por parte do Concello, previo pago do importe correspondente aos titulares expropiados. Nese momento os terreos expropiados pasan a ser titularidade do Concello e xa se poderían comezar as obras de ampliación do Paseo do Louro.