O Concello de Mos padece as consecuencias de estar atravesado pola vía máis perigosa de Galicia, na que se iniciaron unhas obras de mellora fai máis de dous anos, en outubro de 2015. Ditos traballos se viron interrompidos co conseguinte aumento de accidentes, aínda máis numerosos que antes se cabe, ademais de problemas de iluminación nos accesos.
“É por iso que, ante o incumprimento reiterado por parte da Dirección Xeral de Estradas do Estado da data comprometida para a reanudación das obras de mellora e ante os constantes sinistros que a diario temos que lamentar, dende o Concello vémonos na obriga de defender os intereses da veciñanza de Mos e convocar unha mobilización”, anunciaba Arévalo.
O pasado 1 de marzo a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse en Madrid co Director Xeral de Estradas de España, Jorge Urrecho Corrales, para tratar estre asunto. Alí recibiu o compromiso de que os labores de reforma retomaríanse ese mesmo mes, pero dita promesa non se cumpriu.
Durante a súa comparecencia, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, estivo respaldada polos voceiros dos grupos políticos integrantes da Corporación Municipal, Miguel Anxo Aldea do BNG, Miguel Ángel Rodríguez de GañaMos, e Patricia Pérez do PSOE; ademais dos concelleiros e concelleiras do equipo de goberno local.