O comité de empresa da conserveira Thenaisie Provote, con centros de traballo en Mos e no Grove, vén de convocar seis xornadas de folga para reclamar a implicación da Xunta na problemática da empresa, que se atopa en concurso de acredores e con parte do persoal en ERTE.
Dende a representación laboral demandan un proxecto industrial que garanta a actividade na compañía e permita o mantemento de todos os postos de traballo. Pero para iso é necesario que a administración dea un paso á fronte e o grupo romanés propietario de Thenaisie, Scandia Food, se faga a un lado “para permitir que sexa a Xunta a que negocie directamente cos posíbeis inversores interesados na adquisición da empresa”.
Na FGAMT-CIG do Salnés denuncian que o grupo romanés está a boicotear o proceso de venda co obxectivo de que a conserveira vaia á liquidación e lembran que Scandia comprometérase coa Xunta a dar un paso atrás no caso de que non se materializasen as conversas que mantiñan cunha conserveira interesada en mercar Thenaisie. “Pero os contactos quedaron en nada, e de feito a propia Xunta ía manter unha reunión con ese inversor, mais finalmente non se chegou a producir”.
Por iso dende a central entenden que é o momento de que Scandia se aparte do proceso e que sexa o Goberno galego o que intente reflotar a empresa. “Mais o grupo romanés non está a cumprir o acordado”, lamentan. Diante disto, o comité optou por convocar seis xornadas de folga os días 15, 16 e 17 e 22, 23 e 24 de setembro. Coincidindo cos paros, os empregados levarán a cabo concentracións diante dos centros de traballo de Mos (6:30 horas) e O Grove (5:00 horas).