A presentación da Etapa 20 (Mos-Castro de Herville) de La Vuelta Ciclista a España 2021 levouse a cabo este mércores na Cidade Deportiva Afouteza do Celta con nutrida presencia de cargos institucionais da Xunta de Galicia e do PP, ademais do presidente do club vigués.
Á devandita presentación asistiron o director de La Vuelta, Javier Guillén, e o ciclista mosense, único galego gañador dun Tour de Francia e Embaixador de La Vuelta, Óscar Pereiro. O acto estivo presidido pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e contou co presidente do Celta, Carlos Mouriño; o vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias.
Tamén houbo representantes de la Mesa de La Vuelta 21 do Concello de Mos, membros do tecido asociativo do Concello de Mos, concelleiros integrantes do equipo de goberno local, e outros membros da Corporación Municipal, entre outras autoridades.
Tratouse dun evento enfocado a detallar o percorrido mosense da etapa 20 de La Vuelta 21, que inclúe a meta no Castro de Herville, parroquia de Cela. Etapa que será a penúltima da competición ciclista e da que moi probablemente sairá o campión. Dito percorrido transcorrerá por 7 parroquias mosenses: Louredo, Mos, Torroso, Petelos, Sanguiñeda, Pereiras e Cela; pasando por lugares emblemáticos do Concello como son a Igrexa de San Salvador de Louredo, o Pazo de Mos, o Centro Dotacional de Torroso, o Multiusos das Pozas, o Pavillón Óscar Pereiro, a Capela das Angustias, o Cristo de Belén, Campo de Eiró, a Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, a Igrexa de San Miguel de Pereiras, a Igrexa de San Pedro de Cela, o Alto de San Cosme e, por último, o Castro de Herville.
Herville será meta de La Vuelta 21 o vindeiro 4 de setembro tras ter sido o Pazo de Mos saída de etapa o ano pasado, algo que non é mera casualidade senón que “é froito do amor e a aposta decidida de Óscar Pereiro polo seu pobo, ao que quixo ter en conta ao deseñar unha das etapas máis espectaculares deste ano. E froito tamén da confianza depositada por Javier Guillén en Galicia en xeral, como zona histórica e recurrente de paso de La Vuelta; e en Mos en particular, aceptando a proposta de Óscar tras ter formado xa parte da competición en 2020 o noso municipio” declarou a rexedora local mosense, Nidia Arévalo.
Ademais de detallar o percorrido, esta tarde presentáronse tamén as actividades que se desenvolverán durante os vindeiros meses con motivo da etapa 20 en Mos que serán, entre outras, a V Challenge Rías Baixas (8 e 9 de maio) a Copa España de Carretera organizada polo Club Ciclista Rías Baixas (16 de maio), encontro con Discamino e ‘Pedalea con Discamino’, un mural colaborativo e un concurso de mascarilla conmemorativa para implicar ao alumnado do IES, o evento ‘Mos sobre rodas’, un Campionato de Fútbol 7, unha carreira con ex ciclistas, un día con Induráin e un concerto na Cidade Deportiva Afouteza do R.C. Celta.