Tras varias queixas veciñais e o posterior seguimento por parte dos axentes, o corpo municipal puido comprobar nunha primeira actuación o día 15 de xuño, que o seu titular, un veciño de Mos, atopábase traballando sen figurar inscrito en ningún réxime da Seguridade Social e sen estar dada de alta a actividade no Concello, procedendo os axentes encargados á realización das respectivas denuncias.
A Policía Local seguiu visitando o lugar e realizando as investigacións pertinentes, e así o venres día 5 de xullo levou a cabo unha actuación por parte de catro axentes na que se iniciaron os trámites que derivaron en denuncias ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social, Estranxeiría, Facenda e Tráfico, así como nun atestado policial por un presunto delito de defraudación de fluído eléctrico.
Na operación identificáronse, aparte do titular da actividade, que seguía sen darse de alta na Seguridade Social, a dous traballadores máis en situación irregular, un deles de nacionalidade venezolana. Comprobouse así mesmo, que o inmoble, en réxime de aluguer presuntamente non declarado, permanecía enganchado á rede eléctrica de xeito clandestino. Para finalizar, a empresa utilizaba un camión para o transporte de palés, que permanecía sen ITV desde o ano 2012.