A Policía Local de Mos detivo este mércores pola tarde a un veciño de San Eleuterio, de 19 anos, que se atopaba na área deportiva do barrio incumprindo o decreto de estado de alarma vixente. Os axentes acudiron á zona ante as chamadas de dous veciños e atoparon ao mozo “deambulando pola rúa e negándose a retirarse ao seu domicilio”. Ademais, tamén rexeitou identificarse, polo que foi arrestado por desobediencia á autoridade.
O home foi trasladado de seguido ao cuartel da Garda Civil de Mos para proceder á súa identificación, onde o detido acabou aportando os seus datos. Agora procederase a dar conta do caso ao xulgado.
Este é o primeiro detido en Mos por saltarse o confinamento. Durante este estado de alarma pola crise do COVID-19, a Policía Local atópase realizando diariamente labores de patrulla do municipio en xeral, con especial vixilancia de parques, establecementos de hostalería e comerciais e do Paseo do Río Louro.
Xa interpuxeron 15 sancións por mobilidade prohibida, das cales dez eran persoas camiñando e cinco en coche. Tamén realizaron unha advertencia a un grupo de menores adolescentes xogando nun parque público.
Labor de Emerxencias e Protección Civil
Ademais da Policía Local, os outros dous colectivos mosenses encargados da seguridade cidadá, o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil, atópanse tamén a pleno rendemento nesta crise do COVID-19.
Ambos realizan diferentes traballos. Desde información cidadá mediante colocación de bandos, megafonía e información a pé de estrada ata axuda a domicilio a persoas dependentes -coordinados co departamento de Servicios Sociais do Concello de Mos- e a persoas con dificultade na compra en supermercados, pasando por recollida de animais mortos na vía publica e en domicilios privados.
Desde o pasado 14 de marzo Emerxencias e Protección Civil de Mos tamén efectuaron outras actuacións como aporte de material de seguridade (EPIs) a outros servizos, asistencia a catro accidentes de tráfico (A-55 e N-550), asistencia a dous incendios (vivenda e vehículo roubado) e recollida e limpeza de plantas entre as rotondas das Angustias e A Costilleta por actos de vandalismo.