As 2.000 máscaras sanitarias infantís FFP2 doadas pola empresa Rodavigo a través da iniciativa Pulso Solidario ao Concello de Mos e que ían ser repartidas onte entre os nenos e nenas de 3 a 14 anos atópanse en paradoiro descoñecido. Así o comunicaba este luns o Director Xeral da Empresa, Nazario Correa. Este martes 5 de maio foi festivo en China, país de orixe do envío, así que esperan poder confirmar o estado do pedido ao longo deste mércores.
As máscaras debían saír este luns por correo postal cara aos domicilios, tal e como anunciara a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o pasado 26 de abril. Se ben, non puido ser así, xa que o pedido de Equipos de Protección Individual realizado por Rodavigo (entre o que se atopan as 2.000 máscaras para Mos, outras 1.500 máscaras máis, e un lote de termómetros) e que tiña que ter sido recibido pola empresa o pasado venres 1 de maio, atópase retido nalgún lugar indeterminado e descoñecido.
O empresario mosense está a realizar as xestións necesarias para poder obter –e posteriormente distribuír- a mercadoría coa maior brevidade posible (una situación que non é nova desde que se desatou a crise do COVID-19, segundo el mesmo indica). Con todo, si ten confirmación do provedor de que o pedido saíu e enviouse en tempo e forma. Ademais da información que poderá coñecerse nas vindeiras horas por parte da empresa loxística que tramitou o envío, a empresa Rodavigo está tramitando xa un novo pedido para garantir poder repartir as 2.000 máscaras infantís, tal e como se comprometera co Concello de Mos. En todo caso, desde Rodavigo confían en poder contar xa a semana que ven co material infantil inicialmente encargado. Ante esta situación Arévalo, rexedora local mosense, remitiu tamén unha carta á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, para interesarse polo asunto.
Nazario Correa informa a este respecto de que «esta situación está a ser habitual con todas as importacións que realizamos desde Rodavigo, tanto de EPIS como doutro tipo de material, desde que se desatou esta crise do COVID-19». Correa explica que «todos os nosos pedidos veñen por avión e nun prazo de 24, 48, 72 horas e como máximo unha semana, tendo en conta o estado de alarma, deberiamos recibilos; pero non está a ser así. Estamos a sufrir multitude de trabas, entre elas o requirimento de documentación que xa fora presentada desde o principio e moitas outras complicacións deste tipo, tanto para a saída como para a recepción da mercadoría». E advirte de que as trabas intensifícanse cando se trata da importación de EPIs para a venda ou distribución a outras empresas.
O Director Xeral de Rodavigo, Nazario Correa, manifesta así mesmo a súa preocupación ante este último pedido, que xa está pagado e con toda a documentación relativa ao mesmo presentada perante as administracións públicas competentes ao respecto. Correa está convencido de que o desabastecemento de EPIS e outros produtos de protección ante o COVID-19 é debido ás dificultades e controis que se poñen para traer este tipo de material desde o estranxeiro, sumado ao aumento da demanda como consecuencia da pandemia, pero mantén que a empresa está facendo todo o posible para que as máscaras infantís estean canto antes á disposición do Concello de Mos.