Segundo o corpo municipal, os feitos aconteceron no mes de febreiro nun paso de peóns localizado na avenida de Sanguiñeda cando varios individuos simularon un accidente con resultado de atropelo. Os implicados foron un turismo e un viandante de 42 anos.
O relato dos feitos por parte dos implicados, as numerosas incongruencias na secuencia temporal e a falla de correspondencia entre as lesións e a natureza do propio accidente levantaron as sospeitas da Policía Local, que iniciou unha investigación para esclarecer a veracidade do presunto accidente de circulación. O proceso prolongouse durante máis de dúas semanas e concluíu coa acusación de estafa contra os implicados.
Dende a Xefatura do corpo policial mosense sinálase que foi clave a colaboración cidadá para o esclarecemento definitivo dos feitos, que foron remitidos á autoridade xudicial competente.