A Policía Local de Mos conxuntamente coa Garda Civil veñen de realizar dúas actuacións en empresas que se adicaban ao almacenamento, venda e distribución de material sanitario relativo á presente crise do COVID-19.
A primeira das accións neste sentido realizadas pola Policía Local de Mos e a Garda Civil produciuse o martes 17 de marzo durante a quenda de mañá, concretamente entre as 10.00 horas e as 11.00 horas. Aconteceu nunha empresa do Polígono do Rebullón que contaba con diverso material sanitario entre o que se atopaban mascarillas e solución hidroalcohólica, dos cales debería de ter dado conta a Sanidade e non o fixera. Os axentes da Policía Local procederon a dar aviso á Garda Civil, e conxuntamente ámbolos dous corpos acudiron ao lugar a levantar acta.
A segunda actuación produciuse onte mércores 18 de marzo ás 15.30 horas. Unha patrulla da Policía Local de Mos dirixiuse a un establecemento da zona de Puxeiros tras enterarse de que estaban a vender mascarillas. Ao chegar ao local atopáronse con que xa non quedaba material e retiráronse, pero pouco despois sorprenderon ao dono do establecemento descargando dun vehículo, no seu domicilio, o material para repoñer no seu negocio, incautándoselle gran cantidade de mascarillas, luvas e solución hidroalcohólica. En total o suxeito transportaba no seu coche 11 caixas de 10 paquetes de 100 luvas, 8 caixas de 12 unidades de alcohol de 1 litro, 3 caixas de 15 unidades de alcohol de 0,5 litros, 1 caixa de 24 unidades de alcohol de 250 mililitros, 31 paquetes de 10 unidades de mascarillas brancas, 3 paquetes de 50 unidades de mascarillas brancas, e 1 paquete de 50 unidades de mascarillas azuis.
En total intervíronselle 11.000 luvas, 124,5 litros de alcohol e 510 mascarillas. O material incautado foi trasladado pola Garda Civil ás súas dependencias para posteriormente dar coñecemento ao Ministerio de Sanidade.
Ademais a Policía Local de Mos tivo que interpoñer xa 3 sancións por infracción ou incumprimento do Real Decreto do Estado de Alarma en todo o territorio nacional, que impide aos cidadáns saír do domicilio e desprazarse a pé ou en vehículos agás por motivos xustificados.
A orde SND/233/220 do Ministerio de Sanidade establece que as persoas xurídicas, nacionais ou estranxeiras ubicadas no territorio nacional, que teñan como actividade a fabricación e/ou importación de determinados produtos sanitarios, así como capacidade de desenvolvemento dalgún deles: mascarillas, kits de diagnóstico, hisopos, gafas de protección, luvas, batas defeitables, solución hidroalcohólica, dispositivos de ventilación mecánica, funxibles ou consumibles de equipos de VMI, alcoholes sanitarios e clorhexidina, teñen obriga de dar cumprimento á remisión de información sobre os mesmos mediante a cumprimentación dun modelo facilitado na sede electrónica do Ministerio de Sanidade nun prazo de dous días naturais a contar desde o 15 de marzo, que foi cando se publicou a orde no BOE. A non presentación da información requerida ou a falsedade da mesma ten consideración de infracción administrativa en materia de saúde pública e pode ser sancionada dacordo co establecido no título VI da Lei 33/2011 de 4 de outubro Xeral de Saúde Pública.