Dentro da programación do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Concello de Mos puxo en marcha por terceiro ano consecutivo unha Macro – Clase de Zumba dirixida a todas as idades co slogan “Móvete Contra a Violencia”; unha disciplina deportiva que está moi de moda e que se practica tanto no Pavillón Óscar Pereiro como en diferentes asociacións do municipio. A presente edición foi un éxito rotundo contando coa participación de 600 persoas, homes e mulleres, de todas as idades.
O obxectivo desta animada proposta era que toda a veciñanza tomara conciencia en torno a esta grave lacra social que é a violencia de xénero. Tratouse dunha actividade gratuíta, á que se puido acceder de balde por parte de público de todas as idades, co único requisito de realizar unha inscrición previa.
Ademais de Eva Iglesias e os máis de medio milleiro de participantes atopábanse a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira mosense de Política Social, Sara Cebreiro, a alpinista mosense, Verónica Romero, e diversos membros da Corporación Municipal.
Sobre esta iniciativa as representantes municipais Arévalo e Cebreiro declararon que “dende o Concello quixemos conmemorar este Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero coa realización de actividades de sensibilización e concienciación, que contribúan a que todas as persoas tomemos conciencia da situación de vulnerabilidade na que aínda desgraciadamente nos atopamos as mulleres; e tamén con iniciativas de mobilización como esta macro clase, que simbolizan a necesidade de que a sociedade tome partido e que non podemos quedarnos quietos, nin como vítimas nin como coñecedores do maltrato”. “A clave está en actuar, en moverse contra a violencia, e en dicir alto e claro ‘O máis importante de Mos non se maltrata’ ”, aseguraron, e así o quixeron facer saber os 600 veciños e veciñas de Mos que abarrotaron onte o Pavillón Óscar Pereiro.