«Esta medida ten como obxectivo a rotación e reparto igualitario das prazas de estacionamento de vehículos do termo municipal de Mos. É por tanto necesario colocar nun lugar visible un disco horario no que figure a hora de chegada ao estacionamento», informou o Concello.
Estes discos están a disposición dos veciños no Rexistro Xeral do Concello e na sede da Policía local de Mos, aínda que tamén son válidos os discos horarios doutros termos municipais da zona, como os de Salceda de Caselas, O Porriño, Tui, A Guarda, O Rosal, etc., e incluso, en caso de urxencia ou necesidade, será válido escribir a hora de chegada nun papel.
Quedan prohibidos nesta zona de estacionamento regulado, os vehículos que realicen operacións de carga e descarga, os ciclos, ciclomotores e motocicletas, e os vehículos con P.M.A. superior a 3.500 quilos.
Todos aqueles vehículos que infrinxan as normas que regulan o estacionamento con horario limitado, serán sancionados. Neste sentido consideraranse infraccións leves sobrepasar o tempo estipulado nun período igual ou inferior a 30 minutos, estacionar o vehículo novamente na mesma rúa, sen que transcorresen 2 horas dende a hora de chegada e ocupar dúas prazas ou non axustarse ó espazo marcado para o vehículo. Por outra banda serán consideradas infraccións graves sobrepasar o tempo estipulado nun período superior a 30 minutos, modificar a hora de chegada despois do estacionamento, falta do disco comprobante ou colocación que non permita unha axeitada comprobación do seu contido e estacionamento na zona azul dos vehículos expresamente prohibidos.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, explicou que “tras o éxito de implantación do sistema da Zona Azul en Puxeiros, que permitiu ordear o aparcadoiro na zona, permitindo que agora sempre queden lugares libres para aparcar, agora dámoslles estas mesmas facilidades os condutores que desexen e/ou precisen estacionar en Sanguiñeda”. Esta medida, que xa repercutiu positivamente en Puxeiros, farao agora tamén na Avenida de Sanguiñeda, posto que se trata doutra zona con gran presencia de servizos e negocios, así coma de tráfico tanto rodado coma peonil e unha crecente actividade. A implantación da Zona Azul tradúcese nunha visible optimización da ordenación do aparcadoiro neste tipo de zonas.
Ademais a rexedora local mosense anunciou tamén que, ó igual que en Puxeiros, é efectiva a implantación do disco vermello para o estacionamento de minusválidos na Zona Azul de Sanguiñeda.
Os vehículos para persoas con discapacidade poden estar máis tempo aparcados na Zona Azul tanto de Puxeiros como da Avenida de Sanguiñeda, duplicando a estancia, que pode ser de ata tres horas de duración, en lugar de unha e media como o resto de vehículos. O de Mos caracterízase por ser un Concello concienciado coa discapacidade e moi volcado cos colectivos de persoas discapacitadas.
No resto dos casos o estacionamento gratuíto con horario limitado (Zona Azul) regúlase co disco xenérico de cor azul que os interesados tamén teñen dispoñible, como xa se dixo, no Concello. Estes discos están a disposición dos veciños no Rexistro Xeral do Concello e na sede da Policía local de Mos.