O Concello de Mos anunciou este domingo que apelará a sentenza do Xulgado nº2 do Contencioso-Administrativo que desestima a demanda contra Vigo pola esixencia do empadroamento para obter a Pass Vigo.
A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, asegura este domingo nun comunicado de prensa que «a sentenza que se acaba de coñecer non é firme e desde o Concello de Mos imos interpoñer un recurso de apelación» ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Engade a rexedora que «fai tan só unha semana outro xuíz quitoulle a razón a Abel Caballero, polo que por moito que lle pese, este dictame contrario a Mos non terá consecuencias na práctica».
«Os cidadáns de fóra da cidade olívica poderán continuar a beneficiarse da tarxeta Pass Vigo igual que desde hai máis dun ano, así que lle recomendo ao alcalde que deixe de intentar confundir», apunta Arévalo.
A alcaldesa de Mos apunta que «non é certo que o alcalde de Vigo teña a razón, como moito neste momento estamos equiparados, xa que a semana pasada outro xuíz quitoulle a razón. Por iso lle pido que non alardee e apelo á súa prudencia en lugar de empeñarse únicamente en buscar un titular, posto que aínda que el pretenda confundir á opinión pública, este asunto segue sin estar resolto«, aclara Arévalo.
A rexedora local mosense, lembra que «a Constitución Española é a nai de todas as leis e está por riba da Lei de Bases de Réxime Local á que alude a sentencia para indicar que o autobús urbano de Vigo compete en exclusiva á entidade local correspondente. A Constitución establece claramente que é anticonstitucional o criterio de discriminación por empadroamento na prestación de servizos e aplicación das súas tarifas».
Ademais a alcaldesa amósase «enormemente asombrada ante o feito, prácticamente inaudito ou cando menos anecdótico, de que dous xuíces se contradigan nas súas sentencias sobre o mesmo caso e o fagan no curto prazo dunha semana».
Alude por último Nidia Arévalo ao tono do dictame xudicial da sentencia de Mos, na que se di literalmente que «os veciños de Mos non están lexitimados para reclamar o servizo e, menos aínda, o están para discutir as súas tarifas».
E conclúe Nidia Arévalo asegurando que «por moitos frentes que se abran contra o Concello de Mos e a súa veciñanza, ela como alcaldesa seguirá a defender os seus intereses por riba de todo. No caso da Pass Vigo o primeiro paso a dar, a continuación, será, como xa se dixo, interpoñer recurso de apelación perante o TSXG».
E precisamente ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pídelle Nidia Arévalo que «poña cordura e sentido común neste asunto, e que o resolva canto antes; xa que a cidadanía non debe saír do seu asombro ante a contradicción entre dous xuíces». «A xustiza está para resolver estas cousas e para dar exemplo á cidadanía, non debería confundir máis».