A reforma da nave, na parroquia de Louredo, habilitará un silo automático de 5.300 metros cadrados e 20 metros de altura para almacenaxe de produto en caixas, 3 plantas cun total de 19.000 metros cadrados nas que se realizará a subministración diaria a toda a rede de tendas da compañía a nivel mundial, así como á canle online, unha planta semiautomática para almacenaxe de 200.000 pezas colgadas e zonas de servizos comúns e oficinas loxísticas. A integridade da infraestrutura suma unha superficie total de 26.484 metros cadrados.
As devanditas instalacións garanten, segundo informan dende a empresa, unhas boas comunicacións tanto por vía marítima, como aérea e terrestre, e atópanse próximas ás oficinas centrais da compañía, actualmente tamén situadas en Mos, neste caso na parroquia de Tameiga.
Este novo centro de distribución permitirá a integración de todos os procesos de xestión loxística dando resposta ao crecemento da compañía nos próximos anos. Ademais, a compañía dará traballo a unhas 60 persoas, que poderán chegar a 100 nos picos anuais de maior demanda do téxtil como son o Nadal e as dúas campañas de rebaixas: de inverno e verán.
A principios de ano a empresa Bimba y Lola presentou no Concello de Mos un proxecto para a ocupación e reforma das antigas naves de Pórtico S.A. coa intención de manter tamén as súas actuais instalacións na nave de Rosaleiro, xunto á autovía A-55.
As obras de mellora da nave de Pórtico, contando xa a empresa coa autorización pertinente dende onte, comezarán este mesmo mes de marzo e ditas instalacións industriais, ubicadas en Arrufana-Santiaguiño, prevese que comecen a funcionar no prazo dun ano, en marzo de 2019.