A Comisión mosense está integrada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, xunto con tres edís da Corporación Municipal (o concelleiro do goberno Camilo Augusto, Silvia González do PSOE, e Miguel Ángel Rodríguez de GañaMos), a secretaria e un técnico municipal, o enxeñeiro técnico agrícola Ángel Bravo; e dous dos veciños/as de maior idade da zona implicada.
No acto o perito asesor do Concello de Mos, Ángel Bravo, e os dous veciños mosenses integrantes da Comisión de Deslinde espuxeron a súa versión sobre a delimitación exacta entre municipios, que coincide co deslinde do ano 1890, e a secretaria municipal levantou acta da xuntanza. Ao non persoarse na mesma o Concello de Vigo a secretaria de Mos deixou constancia na súa acta dita incomparecencia.
Todo este procedemento de deslinde iniciado polo Concello de Mos está regulado pola Lei de Administración Local de Galicia e os seguintes pasos a dar pola administración local mosense tras o acto de verificación celebrado hoxe son remitirlle a acta da secretaria municipal á Dirección Xeral de Administración Local que, unha vez recepcionada, remitiralla ao Instituto Xeográfico Nacional (IGN) que nomeará un técnico para que se desprace dende Madrid á zona do Rebullón para inspeccionar o terreo e citar a ambas Comisións de Deslinde, á de Vigo e á de Mos, e a un representante da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia.
Tras esta inspección, o técnico do IGN emitirá informe coa súa proposta de deslinde entre os Concellos de Mos e Vigo e a continuación requeriríanse informes da Comisión Galega de Delimitación Territorial e da Deputación de Pontevedra. Por último, e previo dictame do Consello Consultivo de Galicia, resolverá definitivamente o Consello da Xunta de Galicia.