Retirar a Pass Vigo á veciñanza non empadroada na cidade sería prevaricar, segundo explicou este mércores aos veciños de Torroso -unha das parroquias máis afectadas por este fallo- o asesor xurídico do Concello de Mos. O avogado e a alcaldesa, Nidia Arévalo, mantiveron unha xuntanza cos veciños para trasladar o convecemento de que “o alcalde de Vigo non se atreverá a quitarnos a Pass Vigo”.
En caso de facelo, di Arévalo, “serán os propios veciños individualmente os que denunciarán persoándose como parte directamente afectada e desde o Concello apoiarémolos asumindo os gastos derivados do xuízo”. A veciñanza fundamentalmente interesada neste tema é a das parroquias de Torroso, Dornelas e Guizán, que colle diariamente o Vitrasa en Peinador.
Mos entende que as accións legais sairán adiante se as emprende directamente a veciñanza afectada, xa que o motivo da desestimación do recurso de apelación interposto polo Concello de Mos “non é máis que unha cuestión meramente formal baseada en que a administración local mosense non ten facultades” para exercitar accións legais en nome dalgún grupo de veciños. Isto quere dicir, segundo o Concello, que se fosen os propios afectados os que presentaran o recurso, este si sería estimado.
A alcaldesa de Mos afirma estar “segura de que o Concello de Vigo e o seu alcalde non se atreverán a quitarlle a Pass Vigo aos cidadáns de fóra da cidade olívica, vista a sentencia do TSXG na que se deixa ben claro que a utilización do transporte de viaxeiros non pode ser discriminatoria”.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrou este mércores unha versión ben distinta. Desde o seu punto de vista, as sentenzas emitidas polo TSXG resultan “moi satisfactorias” porque desestiman a postura dos concellos recorrentes (Mos e Redondela) sobre as tarifas do autobús e o criterio de censo.
En ambos casos cabe recurso á instancia xudicial superior, polo que ao seu parecer non varía na práctica a situación actual no relativo ás tarxetas de pago do autobús urbano de Vigo. En calquera caso, para Caballero o tribunal valida “completamente” a posición do Concello que preside, pois sinala que houbo un acordo administrativo firme sobre as tarifas no 2014, adoptado pola administración local viguesa, competente na materia, que non foi recorrida entón en forma e prazos.
“Había unha decisión firme sobre as tarifas (do autobús urbano) do ano 2014”, que foi “firme e non recorrida” e “a Pass Vigo é unha fórmula de pago de diferentes servizos na cidade e que corresponde á cidade de Vigo”.
O alcalde defendeu poder aplicar unha “discriminación positiva” para os vigueses e viguesas, argumentando que é “o núcleo central da política municipal”. Así, alegou que “existen vantaxes para empadroados en Mos ás que os empadroados en Vigo non teñen acceso”, porque “os concellos temos o dereito de facer política de discriminación positiva para os nosos cidadáns”.
Por último, Abel Caballero manifestou que “entendo” e “paréceme moi ben” que os habitantes da área de Vigo queiran tamén bonificacións no autobús urbano como as que aplica o Concello para os censados, “pero ten que pagalas a Xunta de Galicia, non o Concello de Vigo”, ao ser unha “cuestión intermunicipal”. É “exactamente igual”, conclúe, “que se enfermo en Madrid e recibo atención hospitalaria, vaina pagar a Xunta de Galicia, non a paga a Comunidade de Madrid senón a Xunta de Galicia”.