Concretamente trátanse do etilómetro de mostreo Alert J5 e outro válido para aportar probas xudiciais, Evidential Analyzer. Ambos da marca SAF’IR Evolution. Os axentes estrearon esta pasada fin de semana o novo equipamento realizando co mesmo os primeiros controis de alcoholemia nas zonas de Puxeiros, As Angustias (Sanguiñeda) e Cristo de Belén (Pereiras). O balance foi moi positivo, xa que de 30 test realizados entre os tres controis, tan só un condutor superou a taxa mínima de alcohol en aire.
O Etilómetro Evidencial SAF’IR está homologado para o control de alcoholemia evidencial polo Centro Español de Metroloxía (CEM). Trátase do máis moderno etilómetro evidencial do mercado para o seu uso con forza probatoria administrativa e xudicial. As vantaxes deste equipo son múltiples: tamaño e peso reducidos, tecnoloxía de infravermello portátil, baterías de longa duración recargables, conexión á toma chisqueiro do vehículo, impresora Bluetooth, tempo de resposta instantáne, GPS incorporado e mostra inmediata das lecturas.
Ambos aparellos miden a concentración de alcohol en aire. O SAF’IR Evolution é o único modelo en España que mide a concentración de etanol no alento mediante tecnoloxía infravermella. Como xa se dixo, trátase do mesmo modelo que incorporou recentemente a Dirección Xeral da Garda Civil nas súas novas motos que vixían as nosas estradas, así como a Policía Local de Madrid, entre outros corpos de seguridade.
Estes dous equipos compren coa última normativa en vigor máis estrita e que pide maior precisión e as mostras tomadas son válidas para sancións administrativas, así como en posibles accións xudiciais futuras.
Ambos son portátiles e os únicos cun tamaño tan pequeno que caben nunha man, co que poden levarse en calquera dos coches patrulla dos que dispón a Xefatura mosense, así como na motocicleta, debido a que tanto o etilómetro como a pequena impresora con tecnoloxía Bluetooth da que está dotado, caben nun maletín de reducidas dimensións.