As beneficiarias da actividade, ataviadas con chalecos rosas en lugar de violetas, son mulleres de Mos maiores de 18 anos que realizarán o Camiño de Santiago en cinco etapas. Cada etapa terá saída e regreso en autocar dende o Pazo de Mos.
Este 8 de marzo faise a etapa Tui-Mos (de 9:00 a 14:00 horas), o día 9 Mos–Pontevedra (de 9:00 a 17:00), o día 10 Pontevedra–Caldas (de 9:00 a 17:00), o día 11 Caldas-Padrón (de 9:00 a 17:00) e o día 12 Padrón-Santiago (de 9:00 a 20:00).
Por outra banda, o sábado 16 de marzo celebrarase a Cea Baile ‘Son Muller’, tamén para mulleres maiores de 18 anos, no pavillón Óscar Pereiro. Dará comezo ás 22.00 horas e o prezo por persoa é de 20 euros.
O Concello de Mos viuse inmerso na polémica nas últimas horas ao facer coincidir a gran manifestación feminista do 8 de marzo que acollerá Vigo, e á que acudirán desde diferentes puntos da comarca, co desfile de Entroido.