Sías leva 20 anos vinculada ao mundo das flores. Entre os seus mestres figuran nomes tan destacados a escala nacional como os de Juan Chamorro, Roberto Silbosa, Daniel Santamaría ou María Jesús Miranda e tamén algúns referentes internacionais como Gregor Lersch, Per Benjamin ou Vadim Kazansky.
A profesional mosense destacou da súa empresa “as facilidades e colaboración que sempre me dan para que poida formarme, facer cursos novos, participar en competicións como esta… É algo moi de agradecer e que non é frecuente en todas as empresas”. Floristería Lola leva máis de 35 anos en activo en Mos e, segundo declaraba a rexedora local, “é un referente en toda a provincia de Pontevedra, do que nos sentimos enormemente orgullosos”.
Xunto a Noelia Sías competiron no Concurso MAF (Mejor Artesano Florista) máis de 20 profesionais do sector de toda España, dos que tan só chegaron á final cinco clasificados. O concurso, celebrado en setembro, durou catro días e Noelia, que tivo que preparar dez traballos, foi a única representante galega na final.
A quinta edición deste certame nacional de arte floral no que Noelia Sías obtivo a medalla de prata celebrouse na cidade de León. O gañador foi o canario Antonio Jesús Vázquez, de Lanzarote. O xurado deste concurso avalía en cada unha das probas aspectos como a técnica, a limpeza, a rapidez, a cor, o estilo actual, a dificultade de elaboración, a actitude dos floristas ou o compañeirismo. Dúas das probas son en grupo e os participantes teñen un tempo máximo especificado para completar cada unha delas.
Na última xornada do concurso, os cinco finalistas tiveron que reproducir, de memoria, un traballo floral que viran previamente representado nun cadro e unha das actuacións mellor valoradas polo xurado foi a de Noelia.