Íñigo, veciño da parroquia de Tameiga e de 17 anos de idade, compite na categoría júnior e leva dende o ano 2014 facendo podio no Campionato Galego de Ciclismo de Carretera. E tamén dende o ano 2015 ven sendo Campión do Ránking Galego.
No 2014 foi o primeiro ano que participou no Campionato Galego, acadando a medalla de prata en Crono e a de bronce en Fondo. No 2015 fixo ouro en Crono e prata en Fondo. E no 2016 gañou o Open Galego e fixo ouro en Crono e prata en Fondo. Así mesmo, Rodríguez Beltrán situouse décimo no Ránking Nacional a pesar de ter competido tan só nalgunhas probas.
Tamén foi elixido Mellor Corredor Galego Júnior, tanto no 2015 coma no 2016. O galardón do ano 2016 recibiuno precisamente nun acto celebrado en Padrón fai tan só quince días.
Íñigo Rodríguez corre na Selección Galega de Ciclismo e adéstrao Marcos Serrano. O ciclista de Tameiga ten entre os seus obxectivos a curto prazo o Mundial que se celebrará en Noruega en outono e no que quere participar. Tamén se plantexa con opcións de podio o Campionato de España 2017.
A rexedora local mosense e o tenente alcalde e edil Deportes, Arévalo e Méndez respectivamente, destacaron “a valía deste rapaz que compaxina os seus estudos no IES de Mos co ciclismo de élite e os duros adestramentos e xornadas fóra da casa que isto implica”. Apuntaron que “é todo un exemplo de esforzo e superación para a mocidade do noso municipio”. “E desexámoslle que estes sexan tan só os primeiros dunha longa carreira de éxitos deportivos”, concluíron.