O Concello de Mos comezou a repartir a domicilio entre as dez parroquias da vila as primeiras máscaras de tela que confeccionou para protexer aos veciños do coronavirus. Durante o primeiro día de entregas, déronse 1.039 unidades do total de 15.000 dispoñibles.
Nesta distribución por vivendas, para evitar que a veciñanza teña que saír da casa e as conseguintes colas de recollida, participaron a Policía Local, o Servizo Municipal de Emerxencias, Protección Civil, a alcaldesa, Nidia Arévalo, concelleiros e concelleiras do Goberno local, persoal municipal e voluntarios que decidiron colaborar coa administración durante a presente crise do Covid-19.
Ao longo dos vindeiros días e semanas continuará este programa de entrega domiciliaria ata completar o reparto das 15.000 unidades que garantirán que non haxa ninguén sen máscara en Mos. Desde o inicio da presente crise sanitaria lévanse repartido na vila un total de 2.180 unidades. Material que xa foi distribuído entre o persoal máis exposto ao virus durante a súa xornada laboral.
Nidia Arévalo declarou sentirse “moi preocupada por que toda a veciñanza saia á rúa protexida no momento no que se poida rematar o confinamento”. “Por iso quixemos ser previsores e preparar a entrega con tempo porque, aínda que temos semanas por diante, precisamos tempo para poder entregar as 15.000 unidades por todas as rúas, camiños, barrios e parroquias de Mos. Todos os habitantes recibirán a súa, aínda que deben ter paciencia porque o reparto é progresivo e paulatino”, explicou.
Para o reparto está a seguirse o padrón municipal, entregando en cada casa o número exacto de máscaras, de tal xeito que haxa al menos unha por habitante.